Bruno Villamor Gay (Lugo, 1978). Titulado Superior en Música na Especialidade de Instrumentos da Música Tradicional Galega polo Conservatorio Superior de Música de Vigo e Titulado no Grao Profesional de Música na Especialidade de Gaita polo Conservatorio Profesional de Música de Vilalba. Neto de ‘O Gaiteiro de Santo Xusto’, ten contacto coa música tradicional dende moi neno recibindo clases de mestres da talla de Enrique Candal, Daniel Bellón, Pepe Vaamonde, Iván Costa, Germán Díaz, Xisco Feijoó, etc.
As súas primeiras actuacións en público realizounas como compoñente da Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Lugo (entre os anos 1987 e 1994); do Grupo de Gaitas “Raíces da Nosa Terra” de Palas de Rei (entre os anos 1990 e 1997); e do Cuarteto Tradicional de Gaitas de “Cántigas e Frores” (dende o ano 1993 ata a actualidade).
Máis adiante forma parte dos grupos Caldaloba, Os Minhotos, Tango en Xan3iro, Zoelas, A Vagabán e Perguizán cos que realiza concertos por toda a Península Ibérica, Francia, Suíza, Irlanda …
Entre os diversos galardóns obtidos destacan o 1º Premio do Concurso Sons Folk 98 acadado como membro do grupo Caldaloba (1998); 2º Posto no II Concurso de Gaitas do País (Sarria, 25 agosto 2002) no apartado de Gaiteiros Solistas organizado pola Asociación “Meigas e Trasgos” Cit de Sarria (Lugo); os dous Accésits acadados no Concurso de Gaita Constantino Bellón nas edicións XVI e XVIII (2006 e 2008), finalista do 24éme e 26éme Trophée Interceltique pour soliste de gaita Mac Crimmon Lorient 2012 e 2014); Finalista nas edicións XIII, XVII, XIX e XX do Concurso de Gaita Constantino Bellón (2003, 2007, 2009 e 2011) e Finalista do I Certame de Gaita “As Mariñas de Betanzos” organizado pola Concellería de Xuventude e Normalización Lingüística do concello de Betanzos (16 de Maio de 2007).